Noticias
-
O pleno da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, unha rede de colaboración entre a Administración, os centros tecnolóxicos e de investigación, as universidades e o sector empresarial para sumar esforzos e avanzar no liderado de Galicia en tecnoloxías cuánticas, reuniuse en Santiago para definir o seu plan de actuación para os próximos meses. A Rede integra á Xunta de Galicia; ás tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG); ao Cesga; ao Clúster TIC, aos Hubs de Innovación Dixital DIHGIGAL e DATAlife; ao centro tecnolóxico Gradiant; ao Fujitsu International Quantum Center e ao Centro de Tecnoloxías Fotónicas (Aephos).
-
Este ano, o calendario chega con importantes novidades, entre as que destaca o regreso da Feira do Libro de Vigo ao centro, localizándose na praza de Compostela. Tamén se reforzarán todas as citas con maior variedade de eventos, contando con mesas redondas, presentacións, actividades infantís e debates, entre outras actividades. Baixo o título Atopa a túa Historia, a cita inaugural será en Ferrol, do 19 ao 21 de abril. A Feira do Libro de Santiago de Compostela celebrarase do 27 de abril ao 5 de maio; no Porriño será do 9 ao 12 de maio, e en Lugo do 13 ao 17 dese mesmo mes. Xa en xuño, Ourense acollerá a súa feira do dia 5 ao día 8, mentres que en Redondela será do día 13 ao día 16.
-
Un total de 42 proxectos empresariais incubáronse, aceleráronse ou consolidáronse nas cinco edicións da Business Factory Aero, desde o seu inicio ata a actualidade. En concreto, 15 en itinerario de incubación, 21 en aceleración e 6 en consolidación, ás que se sumarán as tres que se seleccionarán nesta nova convocatoria que hoxe se lanza. Os proxectos das cinco primeiras edicións da BFAero, que ten a súa sede central en Lugo, xeraron 182 empregos; mobilizaron un investimento de 2,78 M€ (propio, de XesGalicia e de investidores externos); e rexistraron unha facturación conxunta de 6,54 M€ desde o inicio do programa en 2019.
-
O número de persoas sen emprego volveu caer en Galicia por debaixo das 130.000 ao peche do pasado marzo segundo os datos de paro rexistrado coñecidos hoxe. A comunidade pechou marzo con 129.011 galegas e galegos desempregados. A baixada do paro en Galicia en marzo, tanto respecto de febreiro deste ano (-1,20%), como fronte a marzo de 2023 (-9,05%). Galicia foi, de feito, a 4ª comunidade con maior descenso anual en porcentaxe e persoas (-12.836 parados). Ademais, a cifra de menores de 30 anos e de mulleres en desemprego é a máis baixa nun marzo desde que hai rexistros. Na evolución anual, o paro rexistrado en marzo mantivo a tendencia á baixa en todos os sectores. Liderou o descenso a industria (-11,99%) seguida da construción (-11,09%).
-
A Comisión de Expertos para o Desenvolvemento e Uso Ético da Intelixencia Artificial en Galicia celebrou hoxe a súa segunda reunión en Santiago de Compostela, para avanzar no debate sobre os contidos do proxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, que se atopa actualmente en elaboración. En concreto, neste segundo encontro buscouse coñecer a opinión dos expertos sobre as posibles alternativas para a xestión e seguimento da implantación desta tecnoloxía na Administración Xeral e do sector público autonómico de Galicia.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este luns en Santiago de Compostela o seu Informe de conxuntura socioeconómica 1/2024. O documento foi elaborado polos economistas Patricio Sánchez e Santiago Lago, ambos da Universidade de Vigo; e José Francisco Armesto e Fernando González Laxe, coordinador este último do traballo. Nel destacan que 'en liña co conxunto dos países da nosa contorna, a ralentización do ritmo de crecemento caracteriza a evolución da economía galega. Porén, acredita taxas de variación interanuais superiores ás dos principais socios comerciais galegos, agás Portugal'.
-
O Instituto Nacional de Estatística fixo públicos hoxe os datos de viaxeiros aloxados nos hoteis e pensións galegos durante o mes de febreiro, que constatan o avance cualitativo do turismo en Galicia. As cifras constatan que Galicia afianza a súa desestacionalización con incrementos de viaxeiros, noites e rendibilidade fóra de temporada alta. Deste xeito, coincidindo co mes do Entroido, os hoteis e pensións galegos rexistraron algo máis de 202.000 viaxeiros que fixeron máis de 364.000 noites, cifras que suponen incrementos do 3% e de case o 4% respectivamente con respecto ao ano pasado. Estes datos constatan que o aloxamento hoteleiro galego rexistra tres anos consecutivos de crecemento da demanda neste segundo mes do ano e acada a segunda cifra máis elevada dos últimos ambos.
-
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a prórroga de Presupostos Xerais do Estado (PXE) vai facer que Galicia 'reciba de novo o peor orzamento do Estado dos últimos anos'. Unha situación que fai que a comunidade galega seguirá recibindo a metade do investimento territorializado que Cataluña. Rueda lamentou que o Goberno central 'renuncie' a intentar sacar adiante os orzamentos de 2024, logo da convocatoria de eleccións en Cataluña, e advirte que isto 'ten consecuencias e ningunha beneficiosa para as comunidades'. Ademais, asegurou que amosa as diferencia entre o Goberno autonómico galego que aposta por 'ter os orzamentos aprobados para logo convocar eleccións' e o estatal, onde apostan pola 'ausencia de presupostos'.
-
ClimaTech permitirá impulsar novos proxectos empresariais en toda a cadea de valor e reforzar a aposta de Galicia pola sustentabilidade ambiental do tecido produtivo. ClimaTech contará cun orzamento de preto de 6,3 M para desenvolver, durante os próximos tres anos, sucesivas convocatorias de carácter anual que permitirán impulsar 38 proxectos nas fases de incubación (5), aceleración (18) e consolidación (15). Poderán acollerse á Business Factory ClimaTech emprendedores con proxectos innovadores, con vocación de internacionalización e con potencial para fortalecer o sector das solucións ambientais e da economía circular, e contarán con titorizacións e recursos personalizados para dar forma ás súas ideas.
-
A Xunta estima que, en principio, o 18 % dos concellos galegos poderían pedir a declaración de zona tensionada en base á lei estatal de vivenda e aos índices de referencia do Goberno central, tal e como explicou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, durante a súa participación no encontro informativo Declaración de zonas de mercado tensionado e os seus efectos. A responsable autonómica reiterou ante representantes dos concellos, de colexios profesionais e de distintas entidades relacionadas co sector da vivenda que a Xunta non vai declarar de oficio zonas de mercado residencial tensionado, pero tramitará as solicitudes que os concellos presenten.