Notas
-
As abondosas chuvias dos últimos meses puxeron en evidencia o impacto que os aportes de auga doce teñen nos ecosistemas mariños e, consecuentemente, na produción marisqueira. Para achegar un pouco máis luz sobre este proceso, un grupo de investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), realizaron un estudo pioneiro que replica as condicións do hábitat mariño no mesocosmos de bancos marisqueiros intermareais.
-
Os neutrinos son partículas que atravesan o noso corpo trillóns de veces por segundo. Trátase dunha especie de pantasmas do mundo subatómico, cunha masa moi pequena e sen carga eléctrica, por iso apenas interaccionan co resto de partículas elementais e a súa identidade, tamén denominada ‘sabor’, vai mudando cando viaxan polo espazo. Agora, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías participa no deseño dun detector que interceptará feixes de neutrinos, os máis potentes creados ata o de agora.
-
A redución das emisións contaminantes no sector marítimo sitúase como unha das prioridades globais para combater o cambio climático. O novo regulamento europeo para a descarbonización do sector, que entrará en vigor en 2025, reforza a iniciativa FuelEU Maritime cuxo paquete de medidas Fit for 55 busca reducir en polo menos un 55 % as emisións de gases de efecto invernadoiro dos combustibles utilizados polo sector do transporte marítimo para 2030 e conseguir a neutralidade climática en 2050.
-
Máis empresas, incluíndo, por primeira vez, firmas do sector sanitario. Así será a XXIV edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, a cita que cada ano reúne no campus de Vigo ás futuras e futuros enxeñeiros co sector empresarial. Será do 5 ao 7 de marzo nas tres escolas de enxeñaría: Industrial, Minas e da Enerxía e Telecomunicación. A principal novidade desta edición é o aumento da capacidade, impulsado polo entusiasmo das empresas en participar neste evento.
-
Moitas terapias utilizadas para combater o cáncer, ademais de producir numerosos efectos secundarios, non conseguen a remisión completa do tumor, en parte debido á presenza de células nai de cancro, que son difíciles de eliminar. Estas células poden autorrenovarse e xogan un papel crucial na recidiva do tumor e nos procesos de metástase, por iso existe un grande interese en desenvolver terapias dirixidas a este subconxunto de células tumorais.
-
Cun orzamento de 2,3 millóns de euros e no marco da convocatoria Interreg Atlantic Area, este xoves botou a andar en Vigo o proxecto europeo Marinnonet, que ten como finalidade mellorar as capacidades de innovación e transferencia das rexións do espazo atlántico no eido da biotecnoloxía azul, liderado polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM.
-
Persoal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, viaxou nos últimos días á cidade de Darmstadt (Alemaña), para instalar os últimos módulos do detector CALIFA, un calorímetro que se integrará no centro de investigación internacional FAIR. Este fito supón a culminación de case 20 anos de traballo no deseño e posterior construción do detector, nun proxecto liderado polo IGFAE.
-
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIC) da Universidade da Coruña e a ONCE mantiveron unha xornada de traballo co fin de explorar solucións tecnolóxicas para a mellora da vida das persoas con discapacidade visual e optimización de procesos a través da aplicación da IA, a robótica ou os escenarios de realidade virtual. O encontro enmárcase dentro da iniciativa ONCE INNOVA, o laboratorio de innovación da ONCE
-
O venres 2 de febreiro pola tarde o Campus Remoto da Universidade de Vigo acollerá a celebración dunha nova edición de Expouniversitas. Forum de Innovación e Investigación Educativa. Esta actividade convida cada ano aos membros da comunidade universitaria, tanto alumnado como profesorado dos tres campus da UVigo, a pór en valor os seus traballos académicos e investigadores.
-
Un artigo publicado na revistaPhysical Review Letters describe unha nova técnica para determinar e estudar as reaccións nucleares que teñen lugar en explosións estelares, como as supernovas. No traballo participou o investigador Yassid Ayyad, do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, que se encargou de desenvolver parte da análise e o marco de simulacións necesarias para interpretar os resultados.