Notas
-
Máis do 50% das medidas da calidade do aire nas rúas de Santiago superan a recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS) para o número de partículas en aire de diámetro inferior a 2.5 micras (PM2.5), segundo o estudo Cycling with Clean Air (CWCA) realizado no 2023 pola Asociación Cívica Composcleta en colaboración coa Universidade de Santiago.
-
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presentaron na aula CEMIT de Porto do Son a campaña AgasallaNós de doazón de voz para o Proxecto Nós. Trátase dunha iniciativa na que a USC colabora coa Xunta de Galicia e que permitirá recoller a variedade fonética e dialectal de Galicia para permitir que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas do galego.
-
A Universidade da Coruña vén de situarse no posto 110 na décimo cuarta convocatoria do ránking internacional GreenMetric, que mide o desempeño das universidades en materia de sustentabilidade. A UDC acada así mesmo o posto número 5 a nivel estatal e é líder en sustentabilidade no contexto galego. A cifra de institucións académicas participantes incrementouse este ano de 1.050 a 1.183, dun total de 84 países.
-
Contribuír á competitividade e eficiencia dun estaleiro en plena transformación. Este é o principal obxectivo do Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia, o proxecto que desde o pasado ano –foi constituído o 12 de xullo de 2022- dá continuidade ao intenso e frutífero traballo desenvolvido neste mesmo sentido no marco da Unidade Mixta de Investigación entre ámbalas dúas institucións (entre 2015 e 2021).
-
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) concluía esta mañá os actos de homenaxe ao economista Manuel Colmeiro y Penido, “Científico Galego do Ano 2023”, coa presentación do libro “Manuel Colmeiro (1818-1894). Profesor, científico social e activista”, coeditado pola RAGC e o Consello da Cultura Galega. A publicación conta con limiares da presidenta do Consello da Cultura Galega, do presidente da RAGC e de José Antonio Redondo, coordinador da mesma.
-
A misión biolóxica espacial BIXO, impulsada pola agrupación de estudantes UVigo SpaceLab, segue dando pasos importantes de cara a convertese nun fito para a Universidade de Vigo. Este martes, no marco dunha visita institucional da Axencia Galega de Innovación, a súa directora, Patricia Argerey, xunto co reitor, Manuel Reigosa, puxeron unha “primeira pedra simbólica” deste proxecto.
-
O xoves terá lugar o acto de entrega dos IV Premios Galicia de Innovación e Deseño. Durante a cerimonia, que terá lugar ás 18.30 horas no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela, daranse a coñecer os gañadores e gañadoras nas seis categorías deste certame. Estes premios son unha iniciativa da Consellería de Economía, Industria e Innovación –a través da Axencia Galega de Innovación– para distinguir a contribución de profesionais e empresas á transformación económica e social en Galicia a través das mellores prácticas en innovación e deseño.
-
No marco do convenio entre a Xunta de Galicia e as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela para o desenvolvemento dun Inventario Forestal Continuo da comunidade, investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal traballaron no desenvolvemento de sistemas capaces de identificar e caracterizar, de forma automatizada, diferentes tipos de plantacións e superficies forestais a partir de imaxes por satélite.
-
Reformular máis de 50 anos de estudo dun dos campos máis prometedores da astrofísica: as ondas gravitacionais. É o que propón un traballo liderado por Juan Calderón Bustillo, investigador ‘La Caixa Junior Leader’ e ‘Marie Curie Fellow’ do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), publicado na revista Physical Review X no que os autores “danlle a volta” aos complexos cálculos necesarios para obter información destes eventos.
-
Co obxectivo de mellorar a resiliencia costeira na eurorexión Galicia-norte de Portugal, botou a andar o proxecto Capta, cofinanciado polo programa de cooperación Interreg España-Portugal Poctep e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional-Feder, e que sentará as bases de políticas e instrumentos de planificación que axuden a preservar os ecosistemas litorais.